Recluído en Berlín
nun ambiente de pesimismo, como consecuencia da capitulación de Prusia fronte a
Napoleón en outrubro de 1806, o naturalista Alexander Von Humboldt (1769-1859)
concibiu os seus Ansichten der Natur como unha sorte de desafogo e conforto na
que a lembranza das vizosas terras tropicais actuaba coma bálsamo do seu
desalento. A xénese da obra está na conferencia que Humboldt pronuciou en
Berlín en 1806 sobre Fisionomía dos vexetais, á que lle incorporou outra ditada
un ano despois Sobre as estepas e os desertos e unha última Sobre as fervenzas
do Orinoco. Todo isto compoñía un volume de 334 páxinas editado en 1808 por
Johann Georg Cotta en Tubingen, no que o autor tentaba, sobre todo,
proporcionar un tratamento estético do mundo natural. Os "Cadros da Natureza"
foi o libro máis popular de Humboldt, chegando a ser traducido a once idiomas,
a obra dun devoto amante da natureza e dun autor de exquisita prosa, un libro
que, dende a súa primeira edición, foi deixando fonda pegada en moitos
científicos e artistas posteriores, como por exemplo Thoureru, Emerson ou
Marsh, fundadores do movemento ambientalista americano, e, en xeral, en todo o
pensamento biolóxico e científico moderno. Unha obra que, más de douscentos
anos despois da súa aparición, renace en lingua galega coa louzanía dos
clásicos.